Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Frades saca a licitación a cubrición e ampliación do parque infantil de Ponte Carreira por case 60.000 euros


As obras incluirán tamén a reparación do pavimento da praza e a instalación de novos xogos, como unha tirolina e unha cama elástica
O Concello de Frades vén de sacar a licitación as obras de cubrición e ampliación do parque infantil de Ponte Carreira, que contan cun orzamento de 59.912,67 euros e un prazo de execución de dous meses. “Unhas obras para as que contamos cunha achega de 40.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que nos permitirán reparar os problemas de desgaste do pavimento da praza de Ponte Carreira, eliminando as zonas esvaradías, así como cubrir a zona do parque infantil e instalar dous novos xogos, como son unha tirolina e unha cama elástica, que se veñen demandando pola poboación infantil”, explica Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades.
O prazo de presentación de ofertas rematou esta mesma semana, polo que se agarda que as obras poidan rematar este mesmo mes de xullo e estar rematadas no mes de setembro. Os traballos incluirán a cubrición da zona do parque infantil cunha estrutura metálica e paneis de policabornato en cores. “Ao mesmo tempo, imos proceder á reparación, pintado e reposición de algúns elementos dos xogos actuais do parque infantil. A maiores, instalaremos dous novos xogos, tipo tirolina e cama elástica, nunha zona separada do parque actual, para así poder diferenciar por idades á rapazada usuaria dos xogos, xa que estes dous novos están pensados para rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos, mentres que os xogos existentes son para idades menores”, apunta Roberto Rey.
Finalmente, os traballos incluirán o levantado do pavimento de pedra existente na zona, moi desgastado e con zonas moi esvaradías, especialmente nos tempos de choiva. Será substituído por outro pavimento de formigón impreso nos paseos do parque público, unha soleira de formigón armado para a base dos xogos e un pavimento continuo de caucho para amortecer caídas e evitar esvaradías arredor dos mesmos.
Estas obras son froito dun convenio de colaboración asinado polo Concello de Frades e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o pasado 27 de maio ao abeiro da convocatoria realizada pola Xunta de Galicia o pasado 12 de decembro de 2019. A través deste convenio, a Administración autonómica achegou 40.000 euros, o 66,76% do importe total dos traballos.